menu x

PROFESORES

Maximino Zumalave

COMPOSICIÓN Y SINFONISMO

Director e pianista compostelán, Maximino Zumalave formouse en Santiago de Compostela, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Guillermo González, Rosa Sabater, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling.

Foi fundador e director do Coro Universitario de Santiago (1979-1985) e do Collegium Compostellanum (1988); Principal Director Invitado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995) e fundador da Real Filharmonía de Galicia (1996), compartindo a dirección con Helmuth Rilling ata o 2000. Dende entón segue vinculado á mesma como Principal Director Invitado e como Director Asociado da Escola de Altos Estudios Musicais. En febreiro de 1995 foi elixido Académico de Número da Real Academia Galega de Belas Artes.

Con Maximino Zumalave actuaron solistas da talla de Tzimon Barto, Charlote Margiono, María Bayo, Ernesto Bitetti, Veronique Gens, Alicia de Larrocha, Rudolf Buchbinder, Aldo Ciccolini, Wolfgang Holzmair, Josep Colom, Iris Vermillion, las hermanas Labéque, Nicolaus Lahusen, Agustín León Ara, Joaquín Achúcarro, Valentín Georghiu, Anthony Rolfe Jonson, Gyorgy Sandor, Alicia Nafé, Joaquín Soriano, María Orán, e Frank Peter Zimmermann, entre outros. Mantén unha frecuente e moi especial colaboración en concertos con Teresa Berganza en diferentes países de Europa.

Dirixiu importantes orquestras internacionais como a Orquestra de Cámara de Stuttgart, The English Chamber Orchestra, a Orquestra Sinfónica de Praga, o Monteverdi Choir de Londres, o Coro da Filharmónica de Praga, a Orquestra Sinfónica de Odense (Dinamarca), a Orquestra da Ópera Nacional de Sofía, The Brabants Orchester (Eindhoven), a Orquestra Nacional de Lille, Orkest van het Oosten (Enschede), a Orquestra Sinfónica de Oporto, o Bach-Collegium, o Gächinger Kantorei, e os English Baroque Soloist.

No noso país dirixiu a Orquestra Nacional de España, a Sinfónica de Madrid, a Orquestra Cidade de Barcelona, a Sinfónica de Tenerife, a Sinfónica do Principado de Asturias, a Orquestra de Cámara Reina Sofía, a Bética-Filharmónica de Sevilla, a Orquestra Cidade de Granada, o Coro de RTVE, o Coro da Fundación Príncipe de Asturias, etc.

O seu amplo repertorio esténdese dende Monteverdi e Bach aos compositores contemporáneos. A súa actividade dentro e fora de Galicia permitiulle achegar ao público galego boa parte dese repertorio, ao tempo que levou obras de compositores galegos a importantes auditorios europeos. De todo elo queda constancia nunha intensa labor concertística, en gravacións de discos e concertos retransmitidos por radio e televisión en Galicia, España, Francia, Alemaña, Suíza e Italia.

O mestre Zumalave dirixiu estreas absolutas de obras de Bernaola, Castillo, García Abril, Groba, Marco, Mestres Quadreny, Villa Rojo, etc; coidando especialmente as primeiras audicións de xóvenes compositores galegos como Alonso, Balboa, Macías, de Paz, Pereiro, Vázquez ou Viaño. Asemade, dirixiu estreas en España de obras de Frank Martín ou Shostakovich. No campo da música popular colaborou en gravacións e concertos con artistas como a estrela de pop Björk e o grupo Milladoiro (para a gravación da suite lacobus Magnus coa English Chamber Orquestra, realizada en Londres).

Co galo da celebración de Santiago de Compostela Capital Europea da Cultura 2000, o mestre Zumalave dirixiu nunha exitosa xira de concertos a un coro de 90 xóvenes das nove capitais que ese ano compartían o galardón, comezando en Reykjavik e visitando posteriormente Bruxelas, Helsinki, Tallin, Cracovia, Avignon, Boloña, Santiago de Compostela e Bergen.

A súa intensa actividade docente inclúe con frecuencia multitudinarios concertos didácticos (nunha ocasión explicou e dirixiu a Sinfonía Pastoral para preto de 14.000 escolares) e as súas leccións na cátedra de Teatro Lírico e Sinfonismo dos Cursos Universitarios Internacionais de “Música en Compostela”. Maximino Zumalave é membro do Consello Directivo do Auditorio de Galicia, da ponencia de música do Consello da Cultura Galega e fundador da Sociedade Filharmónica de Compostela. O seu fervor pola música de Bach levoulle a ser membro da Neue Bach Geselischaft (Nova Sociedade Bach) e a lograr para Santiago de Compostela a sede española dos cursos da International Bach Akademie.

https://www.youtube.com/watch?v=cOp83C4pHq8

Pianistas Repertoristas

Angel_Huidobro_profesor_pianista_repertorista
VIOLONCHELO
Itziar_Barredo_profesora_pianista_repertorista
Juan_Carlos_Cornelles_profesor pianista_repertorista
VIOLA Y MÚSICA DE CÁMARA
Juan_Manuel_Consuegra_profesor_pianista_repertorista