Con tres “Diapason d’or” no seu haber e a estima que lle profesan os seus compañeiros e o público, Diego Ares consolidouse como un dos interprets de cravo máis influentes da súa xeración.
Estudou piano con Aleksandras Jurgelionis e Aldona Dvarionaitė, e cravo con Pilar Cancio, Richard Egarr, Jörg-Andreas Bötticher, Genoveva Gálvez e Carmen Schibli.
Realizou recitais en solitario no Festival de Piano de Roque d’Anthéron, na Abbaye de Royaumont, na Quincena Musical Donostiarra, no Festival Iturbi, no Festival Internacional de Santander, no Festival de Música e Danza de Granada, no Festival de Música Temprana de Utrecht, no Festival Bach de Tokio, no Festival de Davos, en Musiq’3 (Bruxelas), no Festival de Música de Cámara de Oslo, etc. Tamén foi acompañado pola Orquestra de Cámara de Xinebra, a Orquestra Sinfónica de Bretaña, a Orquestra de Cámara de Granada, a Orquestra da Bach Society de Países Baixos, Forma Antiqua, etc.
A súa carreira como solista combínase coa de músico de cámara, colaborando con artistas como Richard Egarr, Pierre Hantaï, Meret Pellaton, Rachel Podger, Ignacio Prego, Shunske Sato, Maurice Steger e Montserrat Torrent.
Gravou para Columna Música (dois concertos para cravo de J. S. Bach), Pan Classics (pezas de P. A. Soler e D. Scarlatti), Harmonia Mundi (sonatas inéditas de P. Antonio Soler e as Variacións Goldberg de J. S. Bach), Ibs-Classical (as obras completas para cravo de S. de Albero – por publicar) e Mirare (sonatas de J. S. Bach para cravo e viola da gamba con Margaux Blanchard). Tamén colaborou no proxecto “All of Bach”, e na gravación da City Light Symphony Orchestra dedicada a John Williams, interpretando a parte de cravo de The Adventures of Tintin (para o selo Prospero).
Os seus discos foron recibidos con entusiasmo pola prensa (tres veces “Excepcional” por Scherzo, tres veces “Diapason d’or”, “Maestro” por Pianiste, “Preis der Deutsche Schallplattenkritik”, “Choc” por Classica magazine…).
Foi profesor no Conservatorio de Música de Trossingen (Alemaña), no Conservatorio de Xinebra, na Schola Cantorum Basiliensis, na Academia de Verán de Gstaad (Suíza), na Universitatea Nationala de Muzica Bucaresti (Romanía), na Academia de Órgano Fray Joseph de Echevarría e na Academia de Verán de Grajal de Campos (España).